A grande evasión

by Ataque Escampe

/
  • Streaming + Download

    Includes high-quality download in MP3, FLAC and more. Paying supporters also get unlimited streaming via the free Bandcamp app.

      name your price

     

1.
2.
3.
4.
02:12
5.
00:39
6.
02:45
7.
8.
9.
10.
00:30
11.
12.
13.
14.
15.
00:39
16.
17.
18.
04:37
19.
04:41

about

Porque existe o mundo e pode ser de todas... Despois de Galicia es una mierda, Ataque Escampe emprende, neste seu segundo disco, a aventura de construír unha epopea: fuxir da prisión para regresar novamente a ela. Teñan o valor de deixarse levar e acompañar ao grupo nesta longa singradura polas melodías da evasión. De certo que acadarán os lugares máis xélidos e afastados, coñecerán as especies imposíbeis e verán solpores que nunca existirán. E perdan coidado polo seu posto de traballo estábel e remunerado, alí onde irán non o han necesitar. Leven, iso si, unha grande mala, pois estas historias son coma souvenirs: pequenas e baratas na súa extensión, mais enormes ao nos transportaren ao lugar máis inseguro, capitais a arder de ruído, continentes especiais, espaciais. E lembre, o seu camarote está nas orellas, pécheas se non quere que lle rouben algún obxecto valioso Ladies and gentlemen, tomen asento, pechen os ollos e vaian quentando os pés. Come fly with us.

A aventura pode comezar.

credits

released May 26, 2009

Participaron n`A grande evasión:

Álex Charlón: voz, coros
Marco Gelpi: guitarra eléctrica
Miguel Mosqueira: guitarras, baixo, coros, voz
Samuel Solleiro: banjo, guitarras, slide, xilófono e coros.
Roi Vidal: batería electrónica, kazoo, coros.
Francesc 'Paq' Esteve: acordeón.
Xoán Lois G. Carlín: piano, teclados e sintetizadores.

Coa colaboración especial de:

Luís Garrido: saxo alto en “No estómago dun crocodilo”
Roi do Forno: violín en “Europa e o ballet”
Manuel Payno: trompeta en “Non hai lúa”

Gravouse nos estudios do edificio Avante (Santiago de Compostela) durante o mes de marzo e foi mesturado e masterizado en abril de 2009.

Gravación: Marcos Payno e Tomás Axeitos
Mesturas: Tomás Axeitos e Marcos Payno
Masterización: Chou
Fotografía: Alba Viñas
Deseño gráfico: Xosé Carlos Hidalgo

Acompañáronnos nesta grande excursión (sen sabelo): John Sturges, María do Cebreiro, Don Siegel, John Huston, Walter Winser, Lonnie Chatron, Antonio Molina, The Mamas & The Papas, Koji Kondo, María Lado, Lee Marvin, The Beatles, Nicholas Ray, Raoul Walsh, David Lean, Neil Young, Andrés do Barro e The Shadows. Elas e eles saberán disimular. A propiedade intelectual é un roubo. Obrigadas a toda a xente que nos quere, xuntas ou por separado. Producido e perpetrado por Ataque Escampe.

tags

license

about

Ataque Escampe Santiago De Compostela, Spain

As Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. ... more

contact / help

Contact Ataque Escampe

Streaming and
Download help

Track Name: A grande evasión
Despois de tanto tempo de correr e sufrir, despois de tantos mapas que puxemos no atril, hai un
barco que se deixa abordar, hai un pirata que xa non pode máis. E noutro soño, noutra canción, está
Steve McQueen escapando da prisión, escapando de min. E noutro soño, noutra prisión, está todo o
que eu non chegarei a sentir.
Despois de tantos meses sen entar nin saír, areas movedizas van sacarme de aquí. Hai un vento que
se deixa tocar, hai un tesouro que rebenta nas mans.
Track Name: Europa e o ballet
Europa é o lugar onde o ballet tamén se podería ver como a maneira de aparentar que as persoas
somos quen de ter ás. Agora imaxina a viquinga Björk nun combate desgarrador contra as coristas do
Music Hall nun choque de civilizacións. Dos ventos prefiro os metais, dos praceres todos os orientais.
Dies irae: diciades que iriades alí.
Unha ambulancia anda a percorrer todiño Rejkjavik. Leva doente o corpo espectral de Vivaldi e un
violín. Dos ventos prefiro os metais, dos praceres todos os orientais. Dies irae: diciades que iriades alí.
Ten coidado, cazador, na selva disparan ao corazón. Será a fin das catro estacións.
Track Name: Turnip Fields Forever
Non direi case nada sobre o outono e as follas que caen, non direi nada dos insectos. Velaí o vai o
suicida tocando o tambor. Os corvos temen os seus ollos de inmensa dor. E non teño palabras de
amor.
Non direi case nada dos fillos e fillas que deixas detrás, non direi nin os seus nomes. Isto vai dedicado
á placenta da miña muller: sangue do meu sangue e ameixa amarga do meu querer. E aquí non hai
nada que ver.
Somos pantasmas pero somos felices: colle esta froita que che trouxen, mira, toda para ti.
Track Name: Narval
Vivimos nun iglú. Facemos polas noites lume azul. El sempre camiña só. Que pena, tanto xelo e tan
pouco alcol. E aquí estou: ben sei que sabes cara a onde vou. Co meu instinto animal.
E así se caza o narval.
Perdemos días facendo coma quen que non nos importa o que dirán, e quen diría que dun momento
a outro aparecería a aurora boreal. E aquí estás: chegas de lonxe, cara a onde vas? Co teu arpón entre
as mans.
E así se caza o narval. Ven, ven e crávamo ben, ven e crávamo mal.
Perder o control. Ben sabes que vou perder o control. Eu son o teu esquimó.
Track Name: A febre
Os animais vimos do fango, coidado, cazador: somos as feras sen alma que a noite ceibou. Empezo a
crer que nunca volveremos á casa. O noso sitio está onde comeza a batalla
O caos absoluto comanda a expedición. Son mineiro nas minas do rei Salomón. O deserto é a
promesa de beber. Non hai repouso, din as moscas tse-tse. Ás terras do demo Deus non chegará:
atoparás o ceo entre o mineral.
Os animais vimos do fango, coidado, cazador: somos as feras sen alma que a noite ceibou. Empezo a
crer que nunca volveremos á casa. O noso sitio é este, no estómago de África.
Track Name: Sempre nos matan
Desde algún faiado vimos naves espaciais. Prememos no botón do triplo salto vital. Estivo moi ben o
feito de intentalo. Hai cogomelos bos, hai cogomelos malos. Pero sempre nos matan na mesma
pantalla.
Existen fontaneiras que nos poden salvar o cu aos príncipes que só temos príncipes azuis. E falan
dunha flor que perfora caparazóns, unida a una estrela que promete vidas extra. Pero sempre nos
matan na mesma pantalla, cunha planta carnívora ou movendo a muralla. Pero sempre nos matan na
mesma pantalla. Sempre nos matan.
Sempre rompemos a cabeza para que aparezan as moedas. Hai moitos trucos por aí, ou é que os
trucos son as regras? E agora quen vai pagar todos os ladrillos rotos? Iso sabiámolo xa desde Shigeru
Miyamoto. Podemos ir pola esquerda e aparecer pola dereita, xogarmos a partida sós ou facer vida
de dous. Tamén podemos estar tres e coñecer xente xogando. Podemos estar só mirando ou aquí
cantando, pero quen controla o mando? Porque sempre nos matan na mesma pantalla, cunha planta
carnívora ou movendo a muralla. Porque sempre nos matan na mesma pantalla. Sempre nos matan.
Track Name: Os vingativos
Todo empezou onde remata o asfalto. Cheiro a gasoil e cancións de contrabando. E o noso paso
medrou pola estrada maldita. Non teñas medo que non, que a túa vida non é infinita. Neste carro
sempre hai quen escolle mal o asento. Dinos como che vai, non che queda moito alento. Non temos
dirección nin luz que nos acenda, mais na última exposición fomos o récord de vendas. Sempre quixo
ser abducido. Trampas e cartón: somos vingativos.
Litros de acción que nos soben á cabeza. Non hai manifestacións nas terras da lei seca. Como
compensarás a falta de movemento? Neste carro sempre hai quen escolle mal o asento. Agora
viaxarás cara a adentro nunha nave especial feita de cemento. Viaxe cara a adentro, feita de
cemento.
Track Name: Ti es Lawrence?
Entre as dunas do teu corpo arde o pracer máis febril, pero non sabes qué mal rollo dá o deserto.
Dime cantos Lawrence de Arabia coñeces ti.
Traio aceites esenciais e dátiles do Sinaí, milenarios coma a sede e o frenesí. Pero os vivos somos os
que imos suar aquí. Dime qué é o que che gustaría facer a ti.
E a verdade sobre a Liga Árabe é que é outra alucinación, pero máis nos vale ter un berro de guerra
por alfanxe e un frasco de viño de Damasco para os turcos que queiran ser bos. Para os turcos que
queiramos ser nós.
Track Name: O futuro da navegación
As piratas non gostamos dos mascatos porque baixan das alturas só para comer. Arrincámoslles as ás,
son as moscas do mar, e nós queremos sentirnos humanos coma a xente de a pé. Non hai tesouro que
se nos resista, o vento coouse pola nosa vista e somos o futuro da navegación.
As piratas non gostamos dos notarios porque o queren todo atado na terra onde aínda hai rei. E di
algunha xente que cheiramos mal, pero a roupa si a mudamos, será algo visceral que a nós nos cheira
ben. Non hai tesouro que se nos resista, o vento coouse pola nosa vista e somos o futuro da
navegación.
Track Name: O último vampiro
Romántico, si, porque sabes que mil veces mil o teu nome, de escribirse, escribiríase así:
deliciosamente así. Prácticos, si, como un ceo vestido de gris. O teu corpo, de morrer, morrería por
min: necesariamente así.
Inventaron a cidade e era Pequín. Dispuxeron unha cama toda chea de flores. E agradecía que
anoitecese entre os teus brazos, e as estrelas co seu canto de grilos, e era tan romántico,
quiromántico, tan romántico, si.
Sabes que se naces ou se morres nunca máis precisarás durmir. Sangue coa que pinto todos os
mobles, dame razóns para seguir.
Track Name: No estómago dun crocodilo
Dormen e eu navego maino polo Nilo. Penso poucas cousas. Se hai que morrer vai ter que ser no
estómago dun crocodilo.
Beben e eu só bebo as augas do oceano. Poño rumbo ás illas. O leite dos cocos e os cocos que son
como as tetas dos sitios estraños.
E fanse vellos con canas e engurras, na cama e con frío nos pés polas noites. E eu veño de Alfa
Centauro co mellor sorriso, que é o dos que non gañan nin perden nin cansan nin fican nin volven.
Se non estivese en coma profundo desde hai tantos anos, o mundo sería máis gris e máis triste, con
días de loito e traballos pesados, e aquí todo é verde e hai negros comendo sandías.
A biblia está corrixindo a coxeira da cama e o inverno proxéctase en sombras, pero hai os bisontes
que corren ás tardes e o fondo do mar e as estrelas e as illas desertas e os ventos que sopran.
Nubes, tantas nubes, o cantar dos grilos. Cólleme do brazo, que imos morrer e vai ter que ser
devorados polos crocodilos. Se hai que morrer vai ter que ser no estómago dun crocodilo.
Track Name: Estrela errante
Ante ti tes a tarde do domingo, as estrelas xa van tomando posición. Hai xente que pasea polos
parques e hai outros que gustan máis do dominó. E eu nesta habitación, ao non ter plan, dáme por
lembrar aquela canción que eu cantaba así, esa que eu cantaba así: canto no taxi, canto na casa,
cántolle ás ondas do mar. Non teño amantes, non teño cartos nin visibilidade social.
Hai xente que regresa de viaxes e a maleta á volta pésalles máis. Iso pásalles por non ficaren na casa,
que no fondo é onde mellor se está. E eu nesta habitación, ao non ter plan, dáme por lembrar aquela
canción que eu cantaba así, esa que eu cantaba así: canto no taxi, canto na casa, cántolle ás ondas do
mar. Non teño curro, non teño carro nin visibilidade social.
I was born under a wanderin' star
Track Name: A abordaxe final
Ultimamente penso que nos collemos dos garfios, que nos deixamos levar e o mar fai o seu traballo.
O tiburón é unha especie á que todo lle dá igual: estamos no mundo para acabar no ventre do
animal. Por que non falar de amor?
Hai glamour na morte, agora xa quen o dubida. Baixo os teus pés ten que crecer unha cidade
afundida. Imaxina que bebemos unha última botella de ron: estamos no mundo para acabar
convertidos en carbón. Pero non me irei sen ti.
E as algas que nos crezan nas órbitas dos ollos farán chorar co paso dos anos os biólogos. Deixa que
che pase a lingua pola perna de pao: estamos no mundo para acabar tan lonxe do peirao, na
abordaxe final.
Tanta auga e verás como ardemos para sempre.
Track Name: Criptozooloxía aplicada
De entre todos os funestos animais, desconfía das palabras e das contas: pódeche saír moi caro
publicar a descuberta do animal con roupa. E o cinismo é unha liña editorial na que nunca colle a
criptozooloxía, porque alerta sobre os xeitos de cazar e aínda por riba fala doutras formas de vida.
E se vas ao Lago Ness ten coidado de te ver no espello das augas turbias dos outros. E se ves a Santa
Claus saúdao sempre ao pasar: é importante a paz entre os monstros. Criptozooloxía aplicada á túa
miserábel condición humana. Que lento pasa o tempo para a especie, que rápido o amor.
De entre toda a camuflaxe de arredor, busca sempre a humidade e a quentura. Non pretendas poder
escapar da dor pero enlámate en estrañas aventuras. Por exemplo faite mozo de King Kong e
desfruta da vertixe das alturas. Dalles de hostias a todos os avións. Morre sangrando pola pel das túas
musas.
E se vas ao Lago Ness ten coidado de te ver no espello das augas turbias dos outros. E se ves a Santa
Claus (agora vou rectificar), dispara antes de que se arme o monstro. Criptozooloxía aplicada á túa
miserábel condición humana. Que lento pasa o tempo para a especie, que rápido o amor.
Track Name: Non hai lúa
Abro os ollos e comezo o día in medias res. As comportas ceden á presión. O escafandro racha: un
segundo de pracer. Non entendo as consignas desta manifestación. E a capela ardente onde está? E a
túa cara oculta onde está? Non hai tregua, non hai lúa.
Track Name: Alcatraz
E decidín regresar a Alcatraz: foi o mesmo camiño pero do revés. Aínda batía nos muros o mar, pero
xa non había ninguén. Detrás da cidade aínda hai restos de po. Na vida primeira matei e roubei. Era
moi tarde para che falar de amor e agora é cedo para caer.
Somos o ferro nas veas, somos o pouco que queda dos días de sangue quente. Os anacos de xabón
soben até o corazón con orgullo delincuente. Alcatraz outra vez, coa cabeza moi alta e unha moi
agradábel masaxe nos pés. Alcatraz, aquí estou de regreso da grande evasión.
Non vin San Francisco nin falta que fai (dicían que tes que levar unha flor). A min as viaxes fanme
vomitar e na casa cómese moito mellor. Non vin os moluscos do mar do Xapón. Non vin os solpores
de Guiné Bissau. Non vin as estrelas no espazo exterior. Fóra todo era o caos.
Este foi o meu planeta, tan cheo de bolboretas que non hai sitio para a xente. Fóra vai moita calor e
eu onde mellor estou é no meu lugar de sempre. Alcatraz outra vez, coa cabeza moi alta e unha moi
agradábel masaxe nos pés. Alcatraz, aquí estou de regreso da grande evasión.