Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos

by Ataque Escampe

supported by
/
  • Includes high-quality download in MP3, FLAC and more. Paying supporters also get unlimited streaming via the free Bandcamp app.

     name your price

     

1.
03:20
2.
3.
02:57
4.
5.
6.
7.
03:33
8.

about

Os organizadores do festival no que debutaron decidiron na metade da historia que ían quedar fóra porque se facía tarde para tanto grupo. Cando os últimos remataron a xente que restaba comezou a corear algo que os mesmos organizadores tardaron un tanto en comprender: "Todos somos Ataque Escampe". Saíron.
E eu estaba alí para velo. Ao meu carón un rapaz cunha camiseta dos Sex Pistols e pinta de inglés erasmus en proceso etílico abaneábase e sorría desconcertado no medio dos acordes de "Afganistán canto". O tema da canción non o sorprendía, despois de todo eran tempos de guerra, sorprendíao o estraño estilo dos rapaces que sairan a tocar. Naquel momento debín achegarme e botar man do meu inglés básico para explicarlle o que estaba a ver: houbo moitos que tocaron as paredes do límite da cidade, este grupo toca cun pé dentro e outro fóra, toca, por dicilo así, na fronteira. A parte que entendes é o que te fai sorrir, a que non entendes é o que te fai abanear.
Hai moitos tipos de fronteiras, non só as políticas, e o grupo transitou por moitas delas. De México a California, do rock ao tango, dos poetas dos 50 ao dadaísmo, ou do sublime á serie B nun só paso, porque o interesante deses espazos é o feito de camiñar entre eles incansabelmente, trazar rutas para futuros viaxeiros, e poder dicir ás persoas que habitan nas beiras que forman un todo cos do outro lado. O custo pode ser desigual, para cruzar á ida pode chegar con sobornar a un axente de fronteiras, na volta pódese chegar tiroteado e coas costas molladas. É o prezo do contrabando de ideas.
No caso concreto da Galiza, por exemplo, as fronteiras mal definidas entre o rural e o urbano crean longas zonas de transición cunha idiosincrasia propia. As vilas grandes e os bairros dalgunhas cidades son universos próximos rexidos polas mesmas regras. Ataque Escampe son como os cabalos atados nos descampados das aforas. (Soñemos libres como bestas). Veñen do lugar onde se beben viños sen nome nen cor definida, onde se discute de poesía e cinema diante dunha tapa de callos, de espazos onde chove sempre, ininterrompidamente, e algúns, sabendo que é mexo, botan man do paraugas e berran con toda a forza para avisar aos demais.

Mario Regueira. Febreiro de 2007.

credits

released February 27, 2007

Cara A: Gravado en Brántega (Agolada) nas tardes do 7 e 8 de decembro de 2006.
Técnico de son: Benxamín Otero
Mesturas: Benxamín Otero
Produción: Ataque Escampe

Serie B: Gravado ao vivo no café Uf (Vigo) na noite do 2 de xuño de 2006, en mini-disc. Retocado por Benxamín Otero

Deseño de capa: Xosé Carlos Hidalgo

Ataque Escampe son:
Alex Charlón: voz
Miguel Mosqueira: guitarra, voz e coros
Samuel Solleiro: violín e guitarra
Roi Vidal: percusións

Coa colaboración de Iago Mouriño (piano e hammond).

Todos os temas compostos por Ataque Escampe, agás “Mira” (sobre un poema de Chus Pato).

Ataque Escampe agradece até á terra que pisa. Porén, o pouco espazo e o medo ao ridículo impídennos redactar unha listaxe de nomes. Aínda así: obrigados a toda a xente que bota unha man, un lombo, unha lingua. Todo o poder para os soviets.

tags

license

feeds

feeds for this album, this artist

about

Ataque Escampe Santiago De Compostela, Spain

As Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. ... more

shows

contact / help

Contact Ataque Escampe

Streaming and
Download help

Track Name: Ourizo
O día brillaba como a pel dun ourizo. Pincha na pele como unha barba. E o blues dos escravos, a lágrima do home caído, incompleto, acabado, que sempre se renova en cadáver. Ourizo.

O furto das mañás que non copulamos. A pólvora nas táboas dos cadaleitos, deses que te bican con ardor de pedra nun punto do camiño no que xa non hai retorno. E as apocalipses alaranxadas dadás da-da-da-da (así ladraban as cinzas da Pantera Rosa). De México a California, un chute de herba luísa. E é problemático estar aquí. E penso que é o paradiso.

O día brillaba como a pel dun ourizo.
Track Name: Tango do sintasol
A pena cría no retrete
onde fuxo pra non verte.
Miro os soños proxectados
nos meus tenis gastados
sobre o sintasol.
Os nenos choran na cociña
pero o peixe non ten espiñas.
Ti dislles que son necesarios
o fósforo e o calcio
en perfecto español.

Estasme a quentar a cabeza
e estasme a enfriar o corazón.
Non, nunca será así
(polo menos para min)
o amor.
Eu quixera ser un Oliveira
pero a Maga entrou en razón.
Non, nunca será así
(polo menos para min)
o amor.

E vés pra petarme na porta
pero agora intento unha horta:
fago os inxertos precisos
antes de que o domingo
nos secuestre aos Cantóns.
A xente camiña sen presa,
ti fálasme da hipoteca,
da túa nai, do seu reuma,
doutra parella que dura
e da televisión.

Estasme a quentar a cabeza
e estasme a enfriar o corazón.
Non, nunca será así
(polo menos para min)
o amor.
Eu quixera ser un Oliveira
pero a Maga entrou en razón.
Non, nunca será así
(polo menos para min)
o amor.

E a noite chega coma tregua
para un cabalo e unha egua
ou dous cabalos, dúas eguas,
unha, dúas, catro e media
(soñemos libres coma bestas).
A pena cría no retrete
onde fuxo pra non verte.
Miro os soños proxectados
nos meus tenis gastados
sobre o sintasol.
Track Name: Móbel-bar
Palabra da palabra, todos os orfos temos sitio na casa, alén é unha palabra de por aquí. Bautizo en Vistalegre, cinco oceanos mentres mollo no prebe, a lúa é unha cunca de branco no meu nariz. Auxilio, teño corazón, non lle abonda o mundo no que estou, quere ver cumes nas tetas para ascender ao amor. Auxilio, teño corazón. Auxilio, teño corazón. Auxilio, teño corazón.

Palabra da palabra, dame unha aperta pero deixa esa daga, eu son só outra palabra para ti. Queimarei os romances, a trama empeza cando saio do trance, a vida é unha guía relida sobre como cuspir. Auxilio, teño corazón, non lle abonda o mundo no que estou, faime ser un móbel-bar cando soa o reggaetón.

Palabra afiada ou palabra máis gastada, queixiño con marmelo e palabra coma espada, e digo fai, e digo fai, e digo fai e non fas nada, premo o botón do bico e sae unha dentallada.

Auxilio, teño corazón, non lle abonda o mundo no que estou, faime ser un móbel-bar cando soa o reggaetón. Auxilio, teño corazón. Auxilio, teño corazón. Auxilio, teño corazón.

Tú me mandaste un beeper y no había conexión. Yo le dije al pincha: póngame otra canción. Y me di cuenta aquí en mi corazón que sólo había que pedir otra canción (nunca máis reggaetón).
Track Name: Afganistán canto
Sen que dicir, sen vida, sen sorte, sen temor pola morte, sen dor, amor, peito enchido de calor, subxectividade informe. Sen condenas, nen problemas, nen sequera un apotegma, sen entradas nen saídas e sen pertencer a Al Qaeda. Sen pretender trascendencia, sen dirixir a palabra con vehemencia, sen dirixirme a min mesmo, sen ningunha intención. Terei que demandar á miña musa por non ser un avión.

Con apraxia, ataraxia, zoofilia, coprofaxia, con sentido, sen sentido, sen contido nen razón. Sen vinganza, esperanza, confianza, sen lembranza (xénero que perdeu o seu propio ismo nun abismo de matanzas). Sen pretender trascendencia, sen dirixir a palabra con vehemencia, sen dirixirme a min mesmo, sen ningunha intención. Terei que demandar á miña musa por non ser un avión.

E sen que chorar, sen alma, sen algo nen nada, sen berrar nen máis nen menos e sen lacón con grelos. E sen nenas e sen nenos e sen kalashnikov. (Afganistán canto, levanto, zona 0 espanto. Manto de amantes, morres ti pero eu non, pero non te contentes, diamante contante e sonante: revitaliza o corpo e mente, un paso adiante, detente, mamón). Sen pretender trascendencia, sen dirixir a palabra con vehemencia, sen dirixirme a min mesmo, sen ningunha intención. Terei que demandar á miña musa por non ser un avión.
Track Name: Ana e o caracol
Ana coñece do mundo moi poucas cousas, sabe os moluscos, os verbos, sumar e restar. Ás veces entra unha ráfaga de aire no seu sostén e algo sóbelle (ou báixalle) todo através do seu corpo na espiña dorsal. Caracol, caracol, caracol ignorante. Nunca entenderás estas cousas, non es unha muller. E o caracol seguiu o seu camiño, seguro que tiña moito que facer. E Ana berraba moi forte de tanto pracer. E Ana berraba moi forte, ela era unha muller. Ai amor, ai amor, ai amor, ai amor, contempla aquí tantas marabillas que pon o mundo ao teu redor.

Os mariñeiros din que Ana ten a pel sensíbel, que cada herbiña lle pinta un orgasmo nas mans. Ás veces frega a súa pube unha flor vermella ou azul e algo sóbelle (ou báixalle) todo através do seu corpo na espiña dorsal. Corazón, corazón, corazón importante. Todo o que non vén nos libros e débese aprender. E o caracol seguiu o seu camiño, seguro que tiña moito que facer. E Ana berraba moi forte de tanto pracer. E Ana berraba moi forte, ela era unha muller. Ai amor, ai amor, ai amor, ai amor, contempla aquí tantas marabillas que pon o mundo ao teu redor.
Track Name: Verdadeiro muro de Berlín
Xa estás baixando as cousas do faiado: se non hai sitio que se fodan os convidados. Recíbeos así para estar ben presente e no sorriso: estes son os meus dentes. Xa estás baixando as cousas, que carallo. Aí vai un día máis e máis e máis do calendario, a ver se tiveras tempo de repasar o abecedario. Sacáronche as cóxegas de pequeno pero diches vida entre morto e neno, xa estás baixando as cousas do faiado. Todos os cartaces perante os disfraces que poñas ou poñan para ti, que docemente derruba o colocón con anís, un é o verdadeiro muro de Berlín.

A vida do estudante non é a do cabaleiro andante, da realidade non se pode espertar. Resaca ás catro da tarde, a xungla está noutra parte de onde agora sacas tempo para pensar que o meu verdadeiro muro, derradeiro muro, verdadeiro muro de Berlín.

Non hai dúbidas de parvo nas escaleiras, nin compracencia nos cadros, nin alfombras persas. Os hóspedes chegan e ti estás presente, e no sorriso: estes son os meus dentes. Xa estás baixando as cousas do faiado. Todos os cartaces perante os disfraces que poñas ou poñan para ti, que docemente derruba o colocón con anís, un é o verdadeiro muro de Berlín. Todos os cartaces perante os disfraces que poñas ou poñan para ti, que docemente derruba o colocón con anís, un é o verdadeiro muro, derradeiro muro, veradadeiro muro de Berlín.
Track Name: Mira
Mira: inauditos son estes animais. Amizade da túa boca. E se os meus ollos puideran ser absorbidos pola pedra, enguirlandaría os teus brazos con letra ígnea, a da sabedoría, a que relata o silencio, a que circunda o espazo.

Posíbel era para ti entrar no lapislázuli e resolver a lágrima, a álxebra, os oasis. Pero podente brotou a raíz da miña forza nas searas e a luz nos copelos das sabenzas. É un prado esmaltado de cabalos. Fuso do alén. Roca.

Dilles cando pregunten que contiven o poema, que descalza portei o ramo, que detiven os meus versos na elocuencia dun perfume. Fortuna: beber a perfección do teu regazo, docísimo espello. E o teu rostro que aventa primaveras. É unha cama sementada de mapoulas, toda ela. De mapoulas.
Track Name: Rock de serie B
Este é o rock de serie B. Aínda que sexa tocamos do revés. É unha actitude, é unha forma de ser. Se estás fóra de ti dalle ao djembé.

As manchas de sangue non saen da roupa. As tripas quedan pegadas nas lousas. Non teñas medo, así son estas cousas. E que veña Antón Reixa e nos baixe a hostias.